Saturday 18 de May de 2024

Mirás considera “difícil de entender que o PP inste ao Concello a incumprir a lei vixente para tratar de atacar persoalmente a un concelleiro”


O alcalde critica que o PP de Oroso “poña en cuestión a credibilidade do Secretario e do Interventor municipais e levante falsas sospeitas sobre un acto totalmente legal”

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, considera “difícil de entender que o Partido Popular de Oroso e o seu voceiro Alexánder Doval insten ao Concello a incumprir a lei vixente para así tratar de atacar persoalmente a un concelleiro e tratar de embarrar a vida política orosá con infamias e mentiras na busca de quen sabe que réditos políticos”. O alcalde orosán lembra que “o informe realizado polo Secretario e o Interventor municipais establece que a subrogación desas dúas traballadoras non é unha decisión arbitraria do Concello de Oroso, senón unha obriga legal, polo que as palabras do señor Doval son máis propias dalguén que quere facer méritos diante dos seus xefes que dalguén preocupado por que se cumpra a lei”.

De feito, o informe elaborado polo Secretario e do Interventor municipais de Oroso establece TEXTUALMENTE QUE: “si el Pleno de la Corporación decide recuperar la prestación de los servicios sociales comunitarios básicos actualmente mancomunados debería procederse a la subrogación del personal que actualmente tiene la Mancomunidad asignado a la prestación de tales servicios en el término municipal de Oroso, en aplicación de lo previsto en el artículo 44 del TRET, considerando la existencia de una subrogación de empresa o subrogación de plantilla. Ello implicaría, desde el punto de vista de la legislación laboral, a subrogar a la Trabajadora Social y Educadora Familiar, que prestan sus servicios mediante contrato laboral temporal adscritas al término municipal de Oroso”. Un informe que tamén especifica que “de ninguna manera cabe la posibilidad de que el personal contratado por la Mancomunidad pueda adquirir dicha condición (persoal funcionario) a través de la subrogación”.

“Non sei se cando o señor Doval fala de fórmulas máxicas administrativas para referirse ao procedemento legalmente establecido para a subrogación de persoal está demostrando unha vez a súa profunda ignorancia da lexislación actual e do normal funcionamento dun Concello ou simplemente trata de enganar á xente unha vez máis para tratar de levantar falsas e infundadas sospeitas sobre este Concello, en xeral, e sobre un dos seus concelleiros en particular”, apunta Mirás Franqueira, quen lamenta que “o señor Doval volva caer na súa política habitual de difamacións, mentiras e denuncias infundadas, demostrando que é o alumno máis avantaxado do señor Siverio Mirás”.
O PP propón irregularidades

Mirás lamenta que “a profunda ignorancia do señor Doval lle leve a propoñer cousas que non son realizables, como a de non subrogar as prazas e sacalas directamente a oposición. Dicir iso é ser un absoluto ignorante ou tratar de enganar á xente, pois primeiro é preciso modificar a RPT do Concello de Oroso para crear as prazas de Traballadora Social e Educadora Familiar”. Unha vez feito, o propio Interventor e Secretario municipal especifican o paso a seguir: “adscribiendo a las mismas a las actuales trabajadoras de la Mancomunidad de forma temporal, incluyendo dichas plazas en la siguiente Oferta de Empleo Público del Ayuntamiento de forma obligatoria y procediendo a cubrir las mismas a través de un procedimiento de oposición o concurso que goce de todas las garantías de los principios de igualdad, publicidad, mérito y capacidad”.

“Iso é o que faremos no Concello de Oroso: cumprir estrictamente a lei. Non só neste caso, senon porque é o que levamos facendo neste Concello dende que eu son o seu alcalde”, apunta Mirás Franqueira quen se reafirmou en que “a transparencia na selección de persoal en Oroso é total e absoluta” e “os cargos electos non participan nos tribunais de selección”.

Finalmente, Mirás lembra que “os veciños e veciñas de Oroso xa tomaron boa nota da forma de actuar do señor Doval e xa non cren as súas fantasías e xogos malintencionados porque, se o fixeran e creesen as súas afirmacións, segundo o voceiro do PP as obras da saída da AP-9 xa terían que estar rematadas porque nunca estiveron paralizadas ou o Concello tería a culpa de que a Xunta teña en mal estado os seus depósitos de auga”.

O alcalde orosán lembra que o pleno acordou recuperar as competencias municipais en materia de prestación de servizos sociais comunitarios básicos, que actualmente se prestan de forma mancomunada a través da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, porque a Deputación deixará de subvencionar ese servizo e porque a Xunta tampouco garantiu a súa financiación ao ente supracomarcal. “Díxeno no pleno e repítoo: a saída parcial de Oroso da Mancomunidade de Ordes é para optimizar os recursos”, indicou o alcalde orosán.